5/26/2008

Parir na auga: a posibilidade de recuperar a humanización do parto


parir_na_auga_recuperar_humanizacion_parto.htm

Segundo fontes da Consellería de Sanidade vertidas aos medios de comunicación, as mulleres galegas poderemos elixir antes de finais deste ano entre dar a luz en bañeiras de dilatación ou decantarse pola aplicación da anestesia epidural. Parece ser que antes de final do 2007 un hospital por provincia ofrecerá esta posibilidade, que ate o de agora, só podía levarse a cabo na sanidade privada.
Somos moitas as mulleres que vimos reclamando desde hai tempo alternativas ao parto tradicional á hora de traer as nosas fillas e fillos ao mundo. Do mesmo xeito que demandamos unha maior cobertura da epidural (referímonos a que poida ser aplicada cando así o solicite a nai, e que non dependa da franxa horaria na que esta se poña de parto), ou a humanización do parto, actualmente medicalizado en extremo. Refírome a un método natural de nacemento, nun entorno afastado do clásico quirófano, máis íntimo e confortábel, no que as mulleres sintan que controlan máis a situación, que son as verdadeiras artífices do nacemento e non pacientes titeladas.
O medio acuático é moi pracenteiro para a nai debido a que a auga morna relaxa os músculos e diminúe a dor, acelerando a fase de dilatación e reducindo as episiotomías, xa que abranda os tecidos do perineo. Mais por riba de cuestións médicas, que non vou expor, a posición vertical que se da no parto acuático é a mesma que se adopta de xeito natural polas mulleres desde a antigüidade, facilita a expulsión da ou do bebé, xa que o seu peso fai máis presión por acción da forza da gravidade. Para a crianza, o parto na auga supón un xeito menos traumático de vir ao mundo, xa que dáse unha transición do líquido amniótico a outro medio acuoso, mantendo un similar nível de calor corporal. A muller decide se quere permanecer dentro da auga no momento expulsivo, ou se só quere pasar nese medio as contraccións.
Xa hai anos que nun museo arqueolóxico tiven ocasión de ollar figuras arqueolóxicas que amosaban deusas e a mulleres parindo espidas nestas posicións. Hoxe somos moitas as mulleres que comezamos a reclamar o parto vertical, sentadas ou agachadas, que aínda practican as indíxenas en moitas partes do mundo.
Desde o Renacemento arrastramos unha cultura médica patriarcal que todavia concibe ás parturentas como unhas doentes débiles e sen consciencia que debemos permanecer en posición horizontal na cama, e actualmente no hospital. Unha cultura que ten a súa orixe na educación relixiosa que erradicaba calquera práctica que puidera ter relación cun posicionamento de dominación ou control por parte da muller. Se a muller dá a luz na compaña doutras mulleres expertas, podendo ensinar esta experiencia a mulleres máis novas, aos ollos do conservadorismo estaremos ante unha situación de emancipación da muller. Parir con dolor é un castigo divino que lle toca padecer a todas as mulleres sen distinción. Un momento transcendental para o cal precisan de alguén que lles amose o que teñen que facer. É así como nos primeiros anos da era moderna o parto horizontal lévase a cabo na cama de xeito que o doutor poida ter un mellor acceso ao corpo da muller. Mentres o home está comodamente sentado, a muller asume unha postura totalmente incómoda e antinatura (imaxinádevos intentando cagar estando deitada/o). É o médico quen saca á crianza do corpo da muller, controlando, dirixindo o parto, mentres que a muller é unha participante pasiva e asustada que acata ordes. Esta xerarquía segue actualmente vixente.
As mulleres só temos unha idea do que supón un parto a través das películas, documentais ou nunhas breves charlas que as comadroas dan nas breves clases de preparación ao parto. Pero por que nunha sociedade avanzada como a nosa só comezamos a ter unha idea do que supón cando estamos no hospital? Só tomamos consciencia do que ocorre cos nosos corpos cando nos convertemos en suxeitos pasivos da nosa situación.
Actualmente, a corporación médica aprópiase do parto, administran oxitocina para provocar un parto que moi posibelmente se alongue, aumentando o sufrimento fetal e da muller, xa que é a posición horizontal da preñada a que o complica, debendo transitar por un canal que se estreitou e tendo que ir en contra da lei de gravidade, mentres que a nai non dispón de todo o seu corpo para parir.
As feministas levamos moito tempo criticando o ensino e a imposición androcéntrica do parto horizontal, unha posición antinatura que anula a nosa consciencia para movernos e dirixir o parto. Novamente, a corporación médica dálle a espalda a moitos séculos de experiencia feminina.
Agora que está a tomarse constancia dos temas de xénero e da necesidade de protexer os dereitos vulnerados das mulleres é preciso que mulleres e homes denunciemos publicamente a situación das mulleres cando van parir. Non importa que as mulleres non paríramos nunca, xa que as que todavía non pasamos pola situación, si o fixemos por unha consulta xinecolóxica, ou temos unha irmá ou unha amiga que o fixo.
Ate o de agora non hai demasiadas polémicas por este tema. Todas as denuncias públicas teñen que ver coas listas de espera, cunha demanda de maior cobertura da epidural, ou coa necesidade de ampliar os permisos de lactación e maternidade. Coma sempre, as cuestións de xénero seguen a formar parte da esfera privada, o cal é contradictorio coa escena máis que pública dun parto actual, co persoal médico e de enfermería que continuamente palpa á muller, coas antinaturais luces de quirófano, os monitores e todo o control. O privado, por tanto, si parece público. O dereito a un parto libre, o respecto polas mulleres, e o apoio lexislativo para aleitar e para conciliar ser nai e traballadora, non son temas que debamos deixar na esfera privada.
Ate o de agora, a maioría das mulleres aceptamos o parto horizontal–patriarcal porque non coñecemos outro modo de ter as nosas crianzas que non pase pola hospitalización, mais compre agora mudar física e mentalmente as nosas actitudes cara o parto.
Aplaudimos a iniciativa da Consellaría xa que é un pequeno paso cara a recuperación do dereito das mulleres a ser suxeitos activos tamén no momento do parto. Agora queda saber se en Galiza integrarán estas ancestrais prácticas nos coñecementos modernos, modificando o parto horizontal na ensinanza médica para que os beneficios do parto vertical cheguen a todas as mulleres, pero para iso será preciso unha política de xénero que humanice o parto de xeito integral, tendo en conta a voz das mulleres.

No hay comentarios: